
Uso axeitado dos intervalos de tempo no teu currículo
Tes baleiros no currículo que non podes cubrir coa experiencia laboral, cos estudos ou co teu desenvolvemento profesional? Boas novas: non é unha situación tan dramática como poida parecer. O máis importante é saber explicar, saber xustificar eses baleiros. O momento de facelo é na entrevista. Non se recomenda dar unha interpretación deles no propio currículo, especialmente se os baleiros ou espazos en branco son máis dun.
Do contrario, estarías poñendo o foco sobre aspectos negativos do teu currículo mesmo antes da entrevista.
Períodos de desemprego?
Hoxe en día, por mor da crise económica a existencia de situacións de desemprego na vida laboral é máis habitual que no pasado. Ninguén está a salvo desta circunstancia, desde un xerente ata un principiante. O interesante é como transcorreu esa situación en desemprego e a súa posible aplicación a un posto en concreto. Estívose á espera de obter un traballo ou empregouse ese tempo en formación? Por exemplo, aproveitar ese tempo para facer un curso de idiomas. O maior problema é cando ese período de desemprego se alonga moito.
Interrupcións nos estudos?
Na actualidade os mozos e mozas van á universidade e cursan os seus estudos sen saber o que lles agarda ou mesmo sin saber o que queren. O resultado?: o número de persoas que interrompe os seus estudos ou que abandona uns por outros aumenta gradualmente. Sendo así, alguén que os continúa ata o final non debería ter problemas para obter traballo. En todo caso, o feito de cambiar de estudos pode ser visto como que o candidato ten a suficiente coraxe como para tomar decisións importantes. Ademais, é posible que esas experiencias obtidas de interromper os estudos sexan de axuda e de aplicación no posto de traballo en cuestión.
Viaxar abre a mente!
Unha maneira de encher os baleiros é mediante as viaxes realizadas, no caso de que empregases eses períodos en mellorar o idioma de destino e en coñecer outras culturas. Foi tempo ben gastado! Só se isto foi así debes consignalo no teu currículo, na epígrafe "Coñecementos e habilidades". Por tanto, procura ser coherente. Se mencionas unha viaxe aos Estados Unidos de tres meses de duración, o lóxico é que non teñas problemas co inglés cando o entrevistador mude a ese idioma de repente.
Outra vía con que se pode cubrir lagoas temporais no currículo ten a ver coa realización ou participación en proxectos de carácter social ou de voluntariado. Tiveches ao teu coidado un parente teu? Adestras un equipo de balonmán? Actividades deste estilo din ben no teu currículo e poden evidenciar habilidades túas.
Tiveches algún "traballiño" para pagar a universidade?
Embelecer non significa palabras baldeiras
Unha regra que cómpre ter moi en conta: embelecer, disimular non é o mesmo que a charlatanaría! Tes que ter en conta que os profesionais de recursos humanos porán a proba a veracidade daquilo que declaras. Podes esquecerte do traballo se se descobre ou dá a sensación de que estás a mentir. Pensa na consecuencia de dicir que adestraches un equipo de balonmán e que ao entrevistador lle dea por chamar ao club e nel non saiban nada de ti ou non te lembren xa... A honestidade goberna o mundo dos negocios. Non o deixes de ter en conta á hora de redactar o teu currículo!