A grandes trazos pódese dicir que hai tres canles para solicitar un emprego. O normal é que no anuncio de traballo se mencione cal é a preferida. No pasado, as solicitudes de emprego adoitábanse enviar por correo postal. Porén, co desenvolvemento e popularización de internet as solicitudes por correo electrónico incrementáronse gradualmente. Abonda con agregar como anexos ao correo electrónico unha carta de presentación, o currículo e mais os diplomas e demais documentación. Nas empresas máis desenvolvidas, as aplicacións en liña están a tomar maior presenza.
Solicitude de emprego vía correo postal
É a canle máis laboriosa e custosa. Quen se decida por ela, debe levar conta nun cartafol de toda a documentación necesaria. É recomendable facelo con papel de boa calidade (convén imprimir nun centro de reprografía) e a maiores será necesario mercar un sobre onde incluíla. Hai que velo non como un gasto, senón como un investimento!
De cada vez debes empregar unha nova impresión e un novo cartafol e estes iren específica e expresamente dirixidos á empresa en cuestión. Se os responsables de recursos humanos perciben que a documentación xa foi previamente utilizada, isto pode supor perder a oportunidade de obter o traballo.
Recoméndase empregar un cartafol de calidade. Libretas con argolas ou simples follas protectoras non son aceptadas.
Canto ao papel, recoméndase que sexa papel satinado de 100 gramos. O acabado do teu currículo, unha vez impreso, será moito mellor. Ademais, este tipo de papel ten unha maior durabilidade e mellor textura. O resultado, en definitiva, é mellor que o papel tradicional. No canto de imprimires na casa coa impresora, emprega un servizo de reprografía profesional.
Tamén é recomendable converter todos os documentos a PDF antes de imprimilos. Cvlogin converte automaticamente o teu currículo e os documentos anexados. Podes usar sóftware gratuíto para darlle formato á carta de presentación. O formato PDF evita a perda de información ou do deseño. De non estar en PDF, non está garantida unha boa impresión por mor das diferentes versións que pode haber doutros formatos.
Debes empregar un sobre DIN C4 coa parte posterior branca e reforzada cun cartón. O sobre debe ser dun tamaño lixeiramente superior que a solicitude. O reforzo acartonado posterior protexe a documentación de dobras innecesarias. Recoméndase enviar a solicitude por correo normal, pois recorrer ao correo certificado pode transmitir a sensación de inseguridade ou desconfianza respecto da empresa.
Solicitude de emprego vía correo electrónico
Solicitar traballo por correo electrónico é menos custoso. Non precisa de papel, impresións nin esixe outros gastos. Abonda con preparar unha breve carta de presentación na propia mensaxe electrónica e anexar toda a documentación. Tamén aquí o formato PDF é o mellor. No asunto do correo electrónico podes escribir algo do estilo "Solicitude de emprego como...".
Outra posibilidade é escribir un breve texto a modo de saúdo e anexar a carta de presentación ao correo. O texto podería ser como segue:
A través deste correo electrónico achego a miña solicitude de emprego para... acompañado de toda a documentación necesaria en formato PDF.
Agardo que poida resultar do seu interese. Saúdos,
XXXX
Repara en non cometer erros ortográficos nin gramaticais. En xeral, para as solicitudes vía correo electrónico rexen as mesmas regras e recomendacións que para a vía tradicional do correo postal. En todo caso, non é recomendable empregar abreviaturas, emoticonas etc.
De non o teres aínda, debes crear unha conta de correo que transmita seriedade. O mellor enderezo é do tipo [email protected]. Contas do tipo [email protected] poderán facer rir aos responsables de recursos humanos, mais non axudarán para teres unha entrevista de traballo!
Podes enviar ficheiros anexos (carta de presentación, currículo, diplomas...) en formato PDF. Este formato pode ser visto en todos os ordenadores sen que haxa riscos de versións diferentes de sóftware que danen o deseño da documentación.
Dixitaliza os teus diplomas cun escáner de alta calidade. Toda documentación pobremente escaneada pode resultar non lexible e causa mala impresión. Podes atopar máis información sobre como escanear os documentos e que debes ter en conta á hora de facelo na páxina O currículo como parte da solicitude de emprego.
Por último, repara en que moitas empresas prefiren toda a documentación nun único ficheiro PDF porque así é máis sinxelo vela e imprimila.
Aplicacións en liña
Nas aplicacións en liña hai que subir os documentos que compoñen a solicitude de emprego a unha páxina web, de modo que están accesibles dun xeito permanente. En Cvlogin podes crear un currículo en liña, engadirlle documentos e podes gardar todo baixo o teu propio nome: cvlogin.com/nome.apelidos. Cando solicitas un emprego, podes enviarlle un correo electrónico á empresa e no canto de anexar cada un dos ficheiros que preparaches, podes remitirlle a ligazón co teu currículo en liña, a túa carta de presentación xunto coa restante documentación.
Debes manter toda a información en liña (currículos e restantes documentos) permanentemente actualizada. Isto cobra especial importancia cando solicitas un emprego por segunda, terceira... ocasión.
A canle das aplicacións en liña é a menos empregada das tres vistas. Convén empregala se se sabe que o potencial empregador ten predisposición a aceptala. Hai que pensar que unha empresa do sector tecnolóxico pode preferila, mais unha empresa máis tradicional pode non responder positivamente a este tipo de aplicacións.