EE.UU, Francia, Alemaña ou China: moita xente imaxínase o seu futuro profesional nalgún destes países. Primeiro obstáculo potencial: a solicitude de emprego debe ser redactada na lingua dese país ou, cando menos, nun inglés perfecto. A segunda dificultade é coñecer as características específicas de cada país. Unha solicitude de emprego pode variar formalmente en función do país. Non se trata só de traducir o currículo xa escrito a outro idioma.
Solicitudes para países de fala inglesa
Para países como Estados Unidos, Gran Bretaña ou Australia, as solicitudes de emprego adoitan ser breves. En realidade só hai dous documentos obrigatorios: carta de presentación e currículo. A primeira debe ter como máximo unha páxina; verbo do segundo, non hai restricións respecto del.
A carta de presentación na solicitude:
Especialmente nos Estados Unidos, a carta de presentación é un documento que se emprega para se presentar un mesmo. Nela menciónase brevemente porque se considera o candidato ideal para o posto ou traballo en cuestión. As aptitudes que se reúnen para esa profesión.
Currículo
Nome e apelidos adoitan ser o título do teu currículo cronolóxico. Porén, nos Estados Unidos, Canadá, Gran Bretaña e Australia o título é "Curriculum vitae". Polo demais, no esencial as seccións do currículo van ser coincidentes. Ora ben, despois da información persoal, vén unha breve listaxe sobre os coñecementos, habilidades e experiencias. A seguir, dispóñense a experiencia laboral, os estudos e as afeccións. No currículo podes mencionar a túa experiencia profesional nunha orde cronolóxica ou funcional. Isto último significa comezar por aquela experiencia profesional que garda máis relación co posto en concreto. Lembra que nunha orde cronolóxica, a experiencia máis actual é a primeira.
Carta de recomendación
No estranxeiro, naqueles países de fala inglesa, non é habitual nas solicitudes de emprego. Na súa substitución adoita empregarse unha listaxe de referencias coa súa información de contacto: dous ou tres empregadores ou docentes que estean dispostos a achegar información sobre ti.
Fotografía
Por cuestións de igualdade de dereitos, engadir a fotografía non é o máis habitual. As empresas americanas cumpren estritamente esta normativa. No Reino Unido demandan unha fotografía da persoa solicitante só en excepcionais circunstancias. Por tanto, engade unha fotografía á túa solicitude só se se solicita expresamente. Do contrario, a solicitude podería ser gardada sen ser lida.
Outras cuestións:
Se solicitas un emprego nos Estados Unidos debes eliminar a información sobre a túa data de nacemento e estado civil.
Solicitudes de emprego en Europa e Asia
Na meirande parte de países europeos e asiáticos non se envían documentos adicionais máis alá da carta de presentación e do currículo. Na solicitude tanto a carta como o currículo adoitan compartir o mesmo formato, mais en Francia pode darse o caso de que a empresa demande que a persoa solicitante escriba a man a súa carta de presentación. Segundo en que circunstancias, a empresa pode presentarlle a túa carta a un experto para que a analice.
Para as solicitudes de emprego no estranxeiro, debes preparar o currículo no idioma do país, especialmente en Francia, Italia e España. De resto, en boa parte dos países escandinavos e asiáticos acéptanse os currículos e as cartas de presentación en inglés.
Só tes que engadir a túa fotografía ao teu currículo para solicitudes dirixidas a países do sur de Europa (España, Portugal, Francia e Italia) e de Asia. Para máis información...
Ao igual que nos países de fala inglesa, en Europa os diplomas e as cartas de recomendación non son habituais. No seu lugar, recorre á sección de Referencias do teu currículo. Podes engadir diplomas para solicitudes dirixidas a Asia, mais unicamente se están directamente relacionados co posto en cuestión.
Consellos
Asegúrate de especificar o teu nivel de idiomas estranxeiros con fiabilidade. Recoméndase incluír esta información na epígrafe de Coñecementos e habilidades.
Procura que a documentación da túa solicitude sexa lida por alguén nativo do idioma en que está redactada. Ora ben, asegúrate tamén de que a versión que presentas se corresponde co nivel de idioma que declaras ter. De non ser así, poderías crear falsas expectativas no teu potencial empregador e isto acabar sendo prexudicial na entrevista de traballo.
Se o empregador demanda unha tradución dos teus diplomas ou cartas de recomendación, convén facer isto co tempo suficiente para aforrar tempo comparando traducións de distintas axencias. Pensa que as traducións poden ser a prezo fixado, por tempo empregado ou por extensión do texto traducido. En consecuencia, os seus custos van diferir.
Se tes dúbidas sobre os documentos ou ficheiros que son necesarios para presentar a solicitude, o mellor é que lle preguntes ao empregador.
Podes acceder a máis información sobre os procedementos de solicitudes de emprego en países de Europa no Portal Europeo da Mobilidade Profesional (EURES).