O currículo é o documento esencial e máis importante dunha solicitude de emprego. Con todo, co currículo non abonda. Así, por exemplo, para quen prepara a súa solicitude para un posto en Alemaña, esta só estará completa de ir acompañada dunha carta de presentación e dos correspondentes diplomas etc. Algúns solicitantes, a maiores, inclúen a denominada "terceira páxina" ou preparan unha portada.
Carta de presentación
Na carta de presentación, tamén coñecida como a carta da solicitude, debes tentar convencer o responsable de recursos humanos de que es a persoa idónea para ese posto de traballo. Así, para alén da información persoal, de contacto da empresa e do teu interese no posto de que se trate, debes preparar un texto convincente sobre a túa idoneidade con base na túa formación académica e os teus intereses. Tenta ser o máis concreto posible. Noutras palabras: sé breve, vai ao miolo da cuestión. A carta só pode ter unha páxina de extensión. No seu contido, non esquezas resaltar a túa cualificación e os puntos máis salientables do teu currículo.
A carta de presentación debe ser dirixida á persoa concreta que te vai entrevistar. Cabeceiras xenéricas do estilo "Prezado/a señor/a" resultan pouco significativas e non son moi ben recibidas. En caso de que non coñezas a persoa en cuestión, pode ser boa idea chamar á empresa antes de preparar a solicitude de emprego. Isto é tamén un xeito de darte a coñecer con anterioridade, provocar que o teu nome lles soe (unha especie de entrevista previa).
Consello: podes agochar a númeración das páxinas no caso de que empregues unha numeración propia nos documentos que acompañan a solicitude. Para isto, sitúa o cursor sobre o número de páxina e preme en "Sen número de páxina".
Ficheiros anexos
Diplomas, certificados, referencias...
- Diplomas escolares, de bacharelato e universitarios
- Referencias
- Documentos de períodos de prácticas
- Certificados sobre outras capacidades profesionais
- Referencias ou cartas de recomendación de anteriores xefes ou profesores universitarios.
A regra principal respecto destes documentos: engade aqueles que teñan importancia ou relevancia para o posto solicitado. Se xa tes unha longa traxectoria profesional con engadires o teu título universitario é suficiente. Non é necesario presentar o título de secundaria ou bacharelato, por exemplo. Tampouco sería necesario mencionar os períodos de prácticas que non sexan relevantes para o posto en cuestión.
No editor do currículo podes engadir os teus diplomas, certificados e referencias premendo en "Engadir documento". Unha vez feito, podes engadir todos os documentos do teu contorno dixital que consideres precisos.
Se non tes os diplomas e demais documentos no teu equipo en formato dixital, deberás escanealos. Para obter uns resultados perfectos co escáner:
- Limpa o cristal do escáner.
- Sé coidadoso á hora de colocar o documento no escáner.
- A resolución do escáner debe estar entre 600 e 1200 ppp.
- Utiliza o formato PDF ou JPEG.
Suxestión: se envías a túa solicitude por correo postal, non é obrigatorio enviar orixinais nin copias cotexadas da documentación. Abonda con fotocopias de alta calidade e tampouco son necesarias as fotocopias en cor.
Portada e terceira páxina
En ocasións hai candidatos que desexan superar os seus competidores e deciden incluír unha portada ou unha terceira páxina.
Con "terceira páxina" referímonos a unha páxina independente en que se mencionan calidades especiais ou se alude á motivación ou aos desexos por traballar na empresa en cuestión.
Outros candidatos utilizan a portada para engadir unha fotografía máis grande que a da propia solicitude de emprego. Alén diso, o contido do currículo tamén pode figurar na portada. Non hai límites no seu deseño.
Sexa como for, pensa na pertinencia e necesidade de ambos os documentos. Velaquí un consello: para empresas tradicionais a regra da brevidade é esencial. De non ser o caso e se o que se busca é que a solicitude sexa extraordinaria, empregar unha portada persoal pode ser unha boa idea.
Podes enviar a solicitude de emprego por correo postal, electrónico ou en liña. Podes atopar máis información ao respecto na páxina Solicitude de emprego vía correo postal, correo electrónico e en liña .
Podes atopar máis información sobre o deseño, a lonxitude e o contido dun currículo cronolóxico en Seccións e contidos.