Estrutura necesaria
A estrutura dun currículo é esencial, para alén do seu contido principal. A seguinte información está pensada para un currículo cronolóxico:
- Información persoal
- Información académica
- Carreira profesional
- Coñecementos e habilidades
O contido e as seccións dun currículo varían segundo as necesidades e a experiencia da persoa solicitante. Consecuentemente, pode haber moitas seccións no interior dun currículo.
Antes de comezar a enumerar os detalles da túa vida académica e profesional, cómpre indicar a túa información persoal: nome e apelidos, enderezo, número de teléfono, enderezo electrónico, lugar e data de nacemento. Non esquezas engadir toda esta información. O persoal de recursos humanos non lle agradará ter que andar a buscar o número de teléfono para poder chamarte.
Como norma xeral a información académica vai a continuación da persoal e antes da experiencia laboral, mais esta orde non é inamovible. Así, se xa levas uns poucos anos traballando pode resultar máis conveniente achegar a traxectoria profesional antes que a formación académica. Para iso, abonda con premer nas frechas da parte esquerda.
Unha sección típica dos currículos é a de coñecementos e habilidades. É o lugar para consigna os coñecementos de idiomas e informáticos e, de consideralo necesario para o traballo en cuestión, posibles labores de voluntariado ben como as afeccións persoais.
Alén do xa indicado, sempre se pode engadir seccións novas. Abonda con premer en "Engadir parágrafo" ao situar o cursor no título dunha sección.
Fotografía
Se tes unha fotografía dixital túa, daquela podes engadila ao teu currículo. Move o rato ao espazo reservado para ela e preme en "Subir unha fotografía". Alternativamente, podes engadir a que teñas no teu perfil do Facebook.
Se o que tes unha fotografía xa impresa, sempre poderás engadila posteriormente unha vez que imprimas o teu currículo.
Podes atopar consellos e información sobre a fotografía nos currículos en A fotografía nas solicitudes de traballo.
Información persoal
Esta sección é coa que te presentas ante os responsables de recursos humanos. Insire a túa información de contacto: nome, data de nacemento, enderezo, número de teléfono ou correo electrónico. Polo xeral, en modelos cun deseño moderno hai un espazo habilitado para todo isto á dereita da fotografía.
Hoxe en día é menos frecuente ou innecesaria a información sobre o estado civil. Podes especificar a túa nacionalidade se estás a solicitar un traballo no estranxeiro. Datos sobre os teus pais ou a túa relixión xa non se consignan.
Información académica
Aquí é onde se insire a traxectoria académica desde a escola primaria ata a universidade. Comeza polos últimos estudos realizados. Sempre se deben indicar os períodos temporais. Por exemplo, para indicar os anos de bacharelato pódese facer así: 2014-16
Suxestión: se xa levas moito tempo en activo traballando, non tes por que incluír o período correspondente á educación primaria e secundaria.
Carreira profesional
Ademais da experiencia profesional, tamén se deben incluír os períodos de prácticas sempre e cando garden relación co posto para o que se realiza a solicitude (un traballo de camareiro non hai por que consignalo para un posto de xornalista).
Mantén unha orde cronolóxica tal e como se indica nos exemplos. Por tanto, comeza coa última experiencia laboral (non dubides en indicar nos períodos temporais os meses en cuestión).
Se o ves necesario tamén podes engadir os lugares ou cidades onde traballaches.
Coñecementos e habilidades
O teu currículo xa está feito! Na parte final podes mencionar os idiomas que falas ou outras habilidades (informáticas, por exemplo). Tamén podes engadir o permiso de condución, o cal depende do posto que solicites.
A escala para avaliar o coñecemento dunha lingua estranxeira pode ser a seguinte (de perfecta a incompleta):
- Lingua nativa: só aplicado á lingua materna ou naqueles casos en que se medrou con dúas linguas.
- Dominio lingüístico a nivel comercial: cando é posible discutir de modo exhaustivo e sobre temas complicados (un inglés comercial excelente adoita ser fundamental).
- Fluidez: cando se pode manter unha conversa nese idioma.
- Moi boa gramática: cando se pode manter unha conversa sen problemas, aínda que na interacción poida haber algunha deficiencia.
- Boa gramática: cando a expresión é adecuada mais cun vocabulario e uns coñecementos gramaticais un tanto restrinxidos para conversas e discusións serias.
- Habilidades escolares ou gramática básica: cando as habilidades lingüísticas non son válidas no terreo profesional (indícase no currículo para facer notar que hai unha base lingüística pendente unicamente de desenvolver).
De ser o caso, podes mencionar o teu nivel lingüístico facendo mención a certificados concretos (Celga, Cambridge, IELTS, CILS, DUPLE etc.).
Que pode ser interesante consignar en coñecementos informáticos? Pois un coñecemento amplo de MS Word ou calquera outro sóftware de Microsoft Office; Dominio de sóftware de edición e deseño de imaxes e texto (Photoshop ou InDesign); ou simplemente, se se considera de interese, unha bo nivel de mecanografía.
Outro tipo de información que podes indicar aquí teñen que ver con traballo social ou responsabilidade en proxectos varios (preme en "Engadir fila"). Adestras un equipo de baloncesto infantil? Organizas viaxes nunha asociación veciñal? Aquí podes consignar todo iso.
Hai opinións variadas sobre a necesidade de indicar as afeccións nun currículo. Dunha banda, poden servir para achegar moita información sobre a persoa, mais pola outra o habitual é que esas habilidades non sexan necesarias para o posto en concreto. Daquela, débense consignar as afeccións se realmente poden ser útiles para o traballo aplicado. Por exemplo, se a oferta de traballo fala de traballar en equipo, indicar que se forma parte dun equipo deportivo pode ser de axuda. En todo caso, neste apartado convén ser breves.
Podes atopar unha listaxe de verificación do teu currículo no menú: Listaxe de verificación.